A miña nai, Young Kim, naceu en Corea en 1948 cando a nación iniciaba a guerra civil. Cando tiña cinco anos, o país dividiuse en dous, o Norte e o Sur. A súa familia, anteriormente próspera, perdeuno todo. Os seus pais morreron sendo ela unha adolescente. Perdeu os seus dous irmáns maiores poucos anos despois. Co tempo, a miña nai viuse nun matrimonio disfuncional. Separouse do meu pai e, aos seus 30 anos, emigrou aos Estados Unidos como nai solteira cunha bolsa de roupa, con algúns dólares na man e comigo, un neno daquela. A súa vida foi unha historia de loita, pena e perda. Con todo, a pesar dos desafíos, nunca coñecín a unha persoa tan esperanzada coma ela.

Se llo puideses preguntar a ela, diríache sen a menor dúbida ou vacilación que Xesús é a única fonte da súa esperanza. Diríache que dende o día en que se atopou co Cristo resucitado hai case 40 anos, as circunstancias pasaron a un segundo plano, deixando paso a algo moito máis inmutable e inalterable. Pero ese algo non é un conto de fadas utópico, impoluto ou sofisticado, construído sobre pensamentos felices ou fantasías dunha vida sen problemas. A súa esperanza é unha suxeición, dura e esgotadora moitas veces, en algo moito máis firme. Unha ancoraxe decidida e inquebrantable en algo que aconteceu e acontecerá.

En 1 Pedro 1:13 lemos: “Por iso, preparados espiritualmente para a vosa peregrinación e vivindo con sobriedade, poñede toda a vosa esperanza na graza que se vos concederá cando sexa a revelación de Xesús Cristo”. No grego orixinal, a palabra traducida como "preparados" (anazōnnymi) é un termo que describe a preparación física. Deriva dunha práctica común no antigo Oriente Próximo: a xente recollía a súa longa prenda exterior e arremángaa arremangábaa para prepararse para a acción física, fosen campesiños que ían aos campos, soldados que saían á batalla ou corredores que cinguían a roupa para correr sen atrancos.

Pregúntome se Pedro estaba a pensar nun dos seus primeiros encontros con Cristo resucitado mentres escribía estas palabras na súa primeira epístola. No final do evanxeo de Xoán lemos a historia de Xesús resucitado que aparece aos seus discípulos á beira do mar de Galilea. Pedro e os demais están a pescar, pero logo de recoñecer a Xesús chamándoos dende a beira, Pedro “cinguiu o vestido ... e botouse ó mar” (21:7). Arremangou a prenda exterior. É a mesma palabra e imaxes que usa en 1 Pedro 1:13. Cando Pedro viu a Xesús revelado nos arredores de Galilea, cinguiu a roupa inmediatamente e entrou en acción. Varias décadas despois, Pedro invita aos primeiros seguidores de Xesús a facer o mesmo fronte á esperanza que eles –e nós– temos “na graza que se vos concederá cando sexa a revelación de Xesús Cristo”.

Expectación e Acción

Algúns lingüistas suxiren que a palabra esperanza en inglés (hope) comparte raíces etimolóxicas coa palabra 'hop' (brinco), transmitindo que esperar por algo é brincar coa expectación, saltar cara á posibilidade. Sexa certo ou non, a idea apunta a algo interesante. Nos nosos tempos, a idea da esperanza foi vinculada á pasividade, anulada da súa natureza orientada á acción. Esperamos que estas liñas non sexan demasiado longas. Esperamos un bo diagnóstico. Esperamos que todo funcione.

Article continues below

Hoxe en día, a esperanza adoita considerarse unha versión madura do desexo. É por iso que, cando as nosas esperanzas semellan demasiado extravagantes, podémolas chamar “pensamento desexoso”. Pero a esperanza cristiá non é simple pensamento positivo. A esperanza cristiá é un salto cara adiante. Entramos en acción. Vivimos en movemento. No libro The Message, Eugene Peterson expresa o comezo de 1 Pedro 1:13 deste xeito: “Así que, arremangádevos”. A esperanza cristiá consiste en arremangarnos e comezar a traballar. É unha esperanza de clase obreira, que nos dispón e nos prepara para ensuciar as mans, andar e traballar fronte á expectación e a promesa.

Esta natureza radicalmente contra-intuitiva da esperanza cristiá caracterízase por unha resistencia e unha fortaleza que brillan pola súa ausencia na esperanza producida pola cultura pop. A esperanza cristiá non abandona, senón que se ergue fronte ao sufrimento e á dor do noso mundo. Tim Keller escribe: “Mentres que outras visións do mundo nos levan a tomar partido nas alegrías da vida prevendo as penalidades que virán, o cristianismo capacita á súa xente para tomar partido nas penalidades deste mundo, degustando a alegría que virá”. A esperanza cristiá non se engana con promesas mundanas de confort e facilidade nesta vida, agardando con ansiedade a que chegue o inevitable. Pola contra, a esperanza cristiá participa con forza e resolución na loita da experiencia humana. Si, hai dor e sufrimento nesta vida, pero a esperanza cristiá permite a quen a recibe manterse firme con toda a dignidade que a imago Dei pode ofrecer.

Penso nos meus amigos Landon e Sarah Baker. A nosa comunidade alegrouse cando anunciaron que estaban esperando un bebé. Pero cando o bebé naceu, houbo complicacións. No medio dunha pandemia mundial, entrei na UCIN do hospital cunha máscara posta para orar por unha fermosa meniña que non viviría nesta terra por máis de tres días. Cheos de bágoas, os novos pais oraron pola súa filla e suxeitárona mentres daba o último suspiro e entraba na eternidade. Leron os Salmos con ela, e cantaron sobre o seu amor por Xesús. Mesmo na súa dor, a súa esperanza nunca vacilou.

Penso no meu amigo Darren Johnson, que pasou máis dun ano sen traballo. Cunha familia que manter e facturas que pagar, a situación era grave. Non estaba no paro por falta de esforzos. As cousas simplemente non ían ben, e non sabía por que. Pero na súa confusión, continuou orando, adorando, dirixindo á súa familia con coraxe e servindo á súa comunidade. Estaba convencido de que Deus seguía actuando e movéndose, mesmo nos máis pequenos detalles das súas circunstancias desconcertantes, aínda que el non soubese como. Na súa incerteza, modelou unha fe monumental. A súa esperanza nunca vacilou.

Penso na miña amiga Christina Tang, unha talentosa cantautora duns 20 anos. Mentres traballaba nunha serie de cancións, recibiu a noticia de que tiña un tumor maligno no estómago. Había tristeza e confusión ao redor. Pero entón houbo resolución. Aínda que o seu corpo se debilitaba, Christina seguiu escribindo e gravando. Atopou forza para dirixir a louvanza da igrexa de cando en vez. Cando perdeu a forza nas mans para tocar a guitarra, recrutou músicos amigos seus para tocar. Un par de semanas despois da súa morte, démoslle a cada membro da igrexa unha copia do seu novo disco: seis cancións orixinais coidadosamente escritas e gravadas nos seus últimos meses. A súa esperanza nunca vacilou.

Article continues below

Así é a esperanza cristiá. Non ignora o medo, a ansiedade e a dúbida; failles fronte. Mantense firme, aferrándose á paz no medio do caos. A través das moitas tormentas traizoeiras da vida, sexan pandemias, divisións políticas, malestar social ou loita persoal, a esperanza cristiá está fortalecida por algo máis grande que aconteceu e algo máis grande que volverá acontecer.

El Volverá. Por Tanto, Arremángate

O advento é un gran recordatorio disto. Nesta época do ano, moitos xardíns transfórmanse en beléns. Pero esta tempada na que estamos a piques de entrar non é tanto unha viaxe cara a historia coma unha viaxe cara ao futuro. Advento, que vén do latín adventus, que significa 'chegada', é a nosa mirada firme cara adiante, retroiluminada pola historia. A luz da historia de Nadal irrompe na escuridade da nosa culpa pasada, dor presente e ansiedades futuras, apuntando a días máis brillantes que están por vir.

En Feitos 1:11, cando os primeiros seguidores de Xesús testemuñan a súa ascensión ao ceo, lémbraselles que “Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir”. Ha volver. Esta é a promesa que celebramos e recordamos durante o Advento, e é a base da esperanza cristiá. Lembra as palabras de Pedro: “Poñede toda a vosa esperanza na graza que se vos concederá cando sexa a revelación de Xesús Cristo”. Arremangámonos e seguimos coa obra da esperanza cristiá porque Cristo vén de novo. Podémonos enfrontar a todo e todo con resistencia, fortaleza e paciencia porque o Advento nos lembra como remata a historia. Por iso Paulo escribe: “Pois penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós ... Pois é en esperanza como estamos salvados. Ora, a esperanza do que se ve non é esperanza, pois o que un xa ve ¿como o pode esperar? Pero, se esperamos o que non vemos, demostramos esperar con constancia” (Rom. 8:18, 24-25).

A miña nai cumpriu 70 anos hai un par de anos. Levaba moito tempo querendo ir a Hawai, así que alí fomos. Estivemos preto da praia de Waikiki e desde a xanela do noso hotel puidemos ver Diamond Head, unha das rutas máis populares e esgotadoras da illa. Pregunteille á miña nai se quería intentar facela. Sen dubidalo, dixo que si. A ruta de Diamond Head son 1,6 quilómetros de ida e outro tanto de volta, case en liña recta, subindo case 600 metros dende a base ata a cima. Arrepentinme nada máis preguntar; non estaba seguro de que o puidese facer á súa idade.

Á mañá seguinte fixemos o traxecto ata o camiño. Volvinlle preguntar se realmente quería facelo, avisándolle que podiamos dar marcha atrás e ir desfrutar dunhas copas na praia. Ela sorriu e comezou a marchar cara adiante. Máis ou menos á metade de subida, vendo o seu cansazo e esgotamento, volvinlle preguntar se quería volver atrás. Ela mirou para min, sorriu e arremangouse. Seguimos, e ao final gozamos dunha vista espectacular dende o cumio. Abofé que o fixemos. Así funciona a esperanza para a miña nai. E así funciona a esperanza cristiá. Arremangámonos e damos un paso esgotador tras outro ata chegar.

Article continues below

Unha vez que volvemos ao hotel para descansar, usamos FaceTime para chamar aos meus fillos –os seus netos– á casa. A miña nai irradiaba alegría mentres lle falaba ao seu neto pequeno sobre a conquista de Diamond Head. Nacera había só tres meses, e ela puxéralle o seu nome coreano: So-Mahng, que significa esperanza. Por suposto.

Jay Y. Kim é o pastor principal de ensinanza na igrexa de WestGate, profesor residente na igrexa Vintage Faith, e autor de 'Analog Church'. Vive coa súa familia en Silicon Valley.

Tradución: Rubén Acuña Fernández

[ This article is also available in English español Português Français 简体中文 한국어 Indonesian 繁體中文, and català. See all of our Galician (Galego) coverage. ]