As profecías fracasadas da reelección de Donald Trump poden danar a credibilidade do movemento carismático independente evanxélico dos Estados Unidos máis que calquera acontecemento dende os escándalos televisivos dos anos 80. Levaron á xente de fóra a criticar o propio cristianismo e agora chámannos, con moita razón, á introspección.

Non me entendades mal: eu mesmo son carismático e a maioría dos pastores pentecostais e carismáticos que coñezo non estaban a prestar atención a esas profecías. Non obstante, millóns de visualizacións en liña demostran que moita xente si as tomaban en serio.

O primeiro paso para corrixir os erros é admitir que os cometemos. Cando nos achegamos á toma de posesión do presidente Joe Biden, algúns dos que profetizaron a reelección de Trump seguiron convencidos de que tiñan razón. Quizais as eleccións foron roubadas ou anuladas, ou nalgún reino místico Trump é realmente o presidente espiritual. Algúns só cambian de tema. Desafortunadamente, os seus seguidores máis leais poden conformarse con iso.

Outros recoñecen que a profecía debe ser probada e, ao afirmarse a vitoria de Biden, agora recoñecen tacitamente que se equivocaron. Con todo, certos profetas chamaron a atención de carismáticos e non carismáticos por igual ao confesar publicamente que as súas profecías estaban realmente equivocadas, e desculpáronse.

R. Loren Sandford, Jeremiah Johnson e Kris Vallotton expresaron recentemente remorsos e incluso arrepentimento por profetizar incorrectamente que Trump gañaría de novo en 2020. Os tres instan a pregar pola nova administración e a colaborar respectuosamente con ela.

As súas explicacións sobre como inicialmente escoitaron de xeito equivocado á voz de Deus poden axudar a protexerse contra erros similares no futuro. Mentres tanto, os que poderiamos ter a tentación de dicirlles: "Xa cho dixen" deberiamos lembrar que Deus esixe a mesma humildade da nosa parte (Gal. 6:1; 1 Tes. 5:19-20).

As súas confesións, xunto cos exemplos de profetas ao longo das Escrituras, ofrecen algunhas precaucións útiles sobre a influencia da presión de grupo, o orgullo e a presunción. Tamén a necesidade de manterse cautelosos en canto as predicións, e abertos á corrección cando as súas interpretacións resulten falsas.

Article continues below

Boletín gratuíto

More Newsletters

Os Profetas e a Presión de Grupo

Sandford, que ten un MDiv de Fuller, é a única das voces proféticas das que coñecía hai varios anos que circula aínda hoxe. Ten un bo historial. Son testemuña de que, ao comezo do primeiro mandato do presidente Trump, predixo que unha crise económica causada por circunstancias alleas aos Estados Unidos sacudiría o cuarto ano de Trump e que os sucesos posteriores dependían en parte de que Trump aprendese a controlar a súa retórica divisora.

Non obstante, Sandford acabou por coincidir co profético coro que anunciaba a reelección do presidente. Agora confesa que permitira que o consenso doutros profetas influíse no seu propio corazón.

"Ata agora sempre buscaba ao Señor só, recibía a súa palabra primeiro e entón, só despois, comparaba co que dicían outros", escribiu nunha desculpa pública a semana pasada. "A miña primeira confesión é, polo tanto, que me afastei desa disciplina. Deixeime levar pola corrente dominante e, ao facelo, comprometín o que o Señor xa me dixera anos antes".

A presión de grupo pode ser considerable. Un mensaxeiro instou a Miqueas: "Mira que os profetas son todos do mesmo parecer, de agoirárenlle vitoria ó rei. Que a túa palabra concerte coa súa, agoirándolle o ben" (1 Reis 22:13). Miqueas quedou só en proclamar a verdade e foi encarcerado por iso. Xeremías desconcertábase porque a súa mensaxe contradicía a de todos os demais profetas (Xer. 14:13).

As correccións en grupo tamén teñen o seu lugar. Na igrexa de Corinto, onde a maioría da xente eran novos convertidos, aqueles que profetizaban necesitaban avaliarse as súas palabras entre eles (1 Cor. 14:29); o Espírito habilita a avaliación (1 Cor. 2:13-16). Pero é posible depender demasiado dunha rede de seguridade de revisión por compañeiros: “Por iso, aquí estou eu é o Señor quen fala contra estes profetas que se rouban uns ós outros as miñas palabras” (Xer. 23:30).

Article continues below

Profetas e Orgullo

Todos os crentes escoitan falar de Deus. Como mínimo, o seu Espírito testemuña aos nosos espíritos que somos fillos de Deus (Rom. 8:16). Algúns están dotados para escoitar a Deus dun xeito máis claro que os demais e, por iso, profetizan (escoitan a, e falan por Deus) máis plenamente (Rom. 12:3,6).

Por desgraza, se confiamos demasiado no noso don, podemos falar máis alá da medida que se nos concede. Esa é unha tentación á que tamén podemos sucumbir os que temos o don de ensinar; sen dúbida, os que temos o “don” de comentar en liña adoitamos facelo. O orgullo pode enganarnos: Os humanos temos a tentación de levar o recoñecemento polas obras e dons de Deus, coma se fosen cousa nosa. Un don, sexa de profecía, de ensinanza, de xenerosidade, etc., non nos fai mellores que ninguén; por definición, é algo que recibimos, e non en función do noso mérito (1 Cor. 4:7). 

Non todos os que escoitan falar a Deus o fan no mesmo nivel: as visións e os soños son a miúdo como adiviñas que requiren interpretación, ao contrario de cando Deus fala en persoa como fixo con Moisés (Núm. 12:6-8). A maioría de nós experimentaremos ese coñecemento cara a cara só cando vexamos a Xesús ao seu retorno (1 Cor. 13:8-12). As impresións e incluso a profecía clara aínda flúen a través de vasos fráxiles. A garantía do Señor de que todo vai saír ben non sempre significa que o resultado será o que nós pensamos que significa ‘saír ben’.

Os máis humildes profetas que se equivocaron pediron perdón. Mesmo cando falamos inicialmente, debemos permanecer humildes e enmarcar as nosas opinións con coidado onde carecemos de certeza.

Profetas e presunción

Ás veces podemos querer escoitar unha cousa do Señor cando ten algo diferente que dicirnos. Sandford lamenta que foi vítima, en parte, da “tendencia que temos a escoitar o que queremos escoitar”.

Ás veces podemos ter a tentación de falar simplemente porque a xente espera a nosa voz. Pero iso pode implicar arriscarse a tirar das impresións ou inclinacións máis vagas, cubríndose así con “visións que saen da súa cabeza, non mensaxes da parte do Señor” (Xer. 23: 16). “Eu non mandei estes profetas a profetizar, pero eles correron; eu non lles falei, pero eles profetizaron. Se estivesen presentes no meu concello, faríanlle oír ó meu pobo a miña palabra e arredaríano do seu mal camiño, e da ruindade dos seus feitos” (Xer. 23:21-22, SEPT)

Article continues below

Julian Adams, que nos profetizou especificamente e con precisión á miña muller e a min, tamén me dixo que a xente esperaba que profetizase sobre certos acontecementos futuros. Di que resistiu porque o Señor simplemente non lle dixera nada deles. Non profetizou o resultado electoral. Non é unha sorpresa: o Señor non lle mostrou todo o sobrenatural a el nin a Eliseo (2 Reis 4:27).

Aínda que a superposición é posible, os futurólogos non son profetas. A profecía bíblica declara a palabra do Señor, que é máis unha cuestión de revelar o corazón de Deus que de predicir o futuro. Ser un futurólogo competente (alguén que predí tendencias baseadas en acontecementos actuais e información significativa) ten un valor para a planificación, pero non é idéntico ao don bíblico da profecía. E incluso os futurólogos son capaces de facer predicións desviadas cando reciben as súas noticias dunha soa fonte, sexa á dereita ou á esquerda.

Tamén debemos ser flexibles na aplicación do que cremos que oímos. Jeremiah Johnson ofreceu moitas previsións precisas, incluídas as eleccións de Trump de 2016, mesmo cando este era un candidato moi disputado ao comezo das primarias republicanas. Non obstante, na súa desculpa pública confesa que se baseou demasiado no que escoitara anteriormente. Que Deus nos amose o seu propósito para unha tempada non significa que ese seguirá sendo o seu propósito.

Xonás enfadouse cando Deus retirou o seu xuízo prometido contra os ninivitas (Xonás 3:4-4:3), pero o Señor recordoulle a Xeremías que o arrepentimento ou a apostasía afectaría aos resultados (Xer. 18:6-11). Deus tivo o propósito de que Samuel unxise a Saúl como rei sobre Israel. Pero iso non fixo a Samuel asumir que Deus fose manter a Saúl no mando se non maduraba no seu chamado.

Article continues below

Elías profetizou a destrución da dinastía de Acab, pero Deus díxolle despois que, debido ao arrepentimento de Acab, o xuízo atrasaríase (1 Reis 21:28-29). Os meus amigos teólogos teñen diferentes puntos de vista sobre como explicar isto; o meu entendemento persoal é que, aínda que Deus sabe os resultados, moitas veces, fálanos do que precisamos polo momento. Necesitamos estar preparados para cambiar o rumbo segundo sexa necesario.

Profetas e plataformas públicas

Os reis malvados tendían a dar prioridade a falsos profetas ou a corrompelos a través do apoio político (1 Reis 18:22; 22:6-7; 2 Reis 3:13; 2 Pet. 2:15). Pero quen apoia aos profetas, verdadeiros ou falsos, hoxe?

A rendición de contas a nivel local evitou algúns erros e facilitou o proceso de introspección para aqueles que se arrepentiron publicamente dos erros públicos. Feitos 13 móstranos profetas e mestres que dirixen a comunidade da igrexa en Antioquía. Mesmo cando o profeta visitante Agabo predixo unha fame global (que aparentemente afectou diferentes partes do Imperio Romano de Oriente en diferentes momentos), os crentes en Antioquía tiveron que decidir como responder (Feitos 11:27-30). Aqueles que escoitan a voz de Deus deben ser probados no contexto de pequenos grupos (análogos ás igrexas antigas) e noutras plataformas locais menos arriscadas antes de ascender ao escenario nacional.

Desafortunadamente, as redes sociais fan case imposible controlar o escenario nacional, e os consumistas cristiáns norteamericanos tenden a gravitar cara ao que están dispostos a escoitar (2 Tim. 4:3-4). Non é culpa dos verdadeiros profetas e mestres se os falsos adoitan ter un maior número de vistas. Os tempos nos que a voz profética está calada na terra son tempos desesperados ou incluso tempos de xuízo (1 Sam. 3:1; Sal. 74:9; Isa. 29:10-12), pero os tempos nos que domina a falsa profecía son peores (Xer. 37:19; Zac. 13:1-6).

Isto significa que a lei da oferta e da demanda pode afectar aos medios relixiosos: cando as persoas non queren unha profecía verdadeira, obterán o que é falso. A xente dilles aos profetas: “Non teñades para nós mensaxes da verdade. Comunicádenos palabras moles, tende visión de cousas agradables” (Isa. 30:10). “Os profetas profetizan con mentira, os sacerdotes asoballan ó levantaren as súas mans, e o meu pobo está contento vivindo deste xeito. ¿Que fará cando chegue o desenlace?” (Xer. 5:31).

Article continues below

Se os consumidores dunha determinada orientación política queren escoitar profecías que apoian os seus desexos, os profetas que satisfagan esas necesidades percibidas serán máis populares. A historia recente suxire que algúns deles manterán a maior parte do seu público incluso cando fallen as súas profecías.

Especialmente nos momentos difíciles, a maioría dos profetas dinlle á xente o que quere escoitar (Xer. 6:14; 8:11; 14:13), facendo así as cousas aínda máis difíciles para os verdadeiros profetas (15:10, 15-18; 20:7 –18). Pero Deus revela a carga da proba: “Desde os primeiros tempos os profetas que nos precederon profetizaron guerra, desastre e peste contra moitos países e grandes reinos. Pero o profeta que profetiza a paz será recoñecido como realmente enviado polo Señor só se a súa predición se cumpre” (Xer. 28:8-9).

A parte polo todo

No extremo oposto ao dos inflexibles defensores das profecías están aqueles que se ven tentados a rexeitar as profecías por completo tirando a parte polo todo. Cando Paulo nos insta a examinalo todo, tamén nos avisa de que non desprecemos a profecía (1 Tes. 5:19-22). Cando nos exhorta a avaliar as profecías (1 Corintios 14:29), tamén nos insta a perseguir o don (1 Corintios 14:1,39).

A denuncia que quizais máis se mantén / se repite na Biblia sobre falsos profetas (Xer. 23) entrégase a través dun verdadeiro profeta, Xeremías. “O profeta que ten un soño, que conte o seu soño; e o que recibe a miña palabra, que a proclame con exactitude. Que ten que ver a palla co gran? é o Señor quen fala” (Xer. 23:28). 

Tres persoas anónimas que non se coñecían entre elas nin me coñecían a min, profetizaron de xeito independente a Médine Moussounga no Congo que algún día casaría cun home branco cun importante ministerio. Non hai moitos homes brancos no Congo. Con todo, Médine e eu levamos case 19 anos casados.

Article continues below

Son un profesor da Biblia e paso a maior parte do meu tempo aprendendo máis sobre as Escrituras. Os que chamamos profetas e os mestres teñen moito que aprender uns dos outros; os profetas poden ofrecer información sobre como se aplica a Escritura á nosa xeración (nota Huldah en 2 Reis 22:11-20). Pero nin os profetas nin os mestres están escribindo hoxe as Escrituras. 

Mentres que as profecías e as intuicións espirituais deben ser probadas, as Escrituras chegan a nós tendo xa superada a proba. Hai boas razóns polas que as palabras de Xeremías están no noso canon mentres que as dos profetas fracasados ​​do seu día non. As Escrituras ofrecen unha base segura.

Aínda así, ata as Escrituras deben ser interpretadas e tamén na docencia xorden diversas interpretacións (e prexuízos políticos). Os que exercemos o don de ensinar tratamos a Palabra de Deus dunha forma moito máis explícita, aínda que incluso nós moitas veces diferimos nas nosas interpretacións. Cando os profesores dicimos: “A Biblia di” estando equivocados, a nosa interpretación é falsa. Os profesores serán xulgados estritamente (Santiago 3:1), polo que tamén nós debemos ser humildes e abertos á corrección.

Se xulgásemos aos mestres coa mesma dureza que algúns empregan ao xulgar aos profetas (unha interpretación errónea e estás fóra) probablemente hoxe non teriamos ningún. Pero as Escrituras normalmente reservan títulos de falsas profecías e falsas ensinanzas só para o máis grave dos erros. Se iso significa que, na nosa ensinanza, temos que explicar correctamente cada un dos versículos que tratamos, a maioría de nós solicitaríamos xubilación anticipada agora mesmo.   

Persecución ou purificación?

Hoxe temos unha desfeita no panorama cristiá dos Estados Unidos. Despois de que o Congreso certificase a vitoria do presidente Biden, Johnson arrepentíase publicamente por profetizar a reelección de Trump. Para o seu asombro, algúns cristiáns profesos denunciárono, maldixérono e incluso ameazárono. Aínda que debemos evitar as teorías da conspiración, sacerdotes e profetas idearon conspiracións reais para matar o profeta Xeremías polas súas profecías antipatrióticas (Xer. 11:21; 26:11). Os defensores máis acérrimos das falsidades tenden a ser moi inflexibles.     

Article continues below

En vez de perseguir aos arrepentidos, é mellor que nos unamos a eles. Aínda crendo que Trump sería a mellor opción, Johnson lamentou que moitos cristiáns puxesen a súa esperanza nel. Ningún presidente e ningún partido político, de dereita ou de esquerda, pode substituír a Xesús. Os profetas non son os únicos que necesitan o arrepentirse.

É normal que os cristiáns non sempre esteamos de acordo entre nós, pero cando nos dividimos primando a política sobre a comunidade pola que morreu Cristo, o que cómpre é arrepentirse. Os profetas arrepentidos móstrannos un camiño a seguir. Se buscamos avivamento, o arrepentimento e a humildade son un bo punto de partida.

Se o Señor nos humillou, tamén nos deu a oportunidade de aprender. Abracemos esta oportunidade e deamos os pasos necesarios, unindo os diferentes dons no corpo de Cristo e, sobre todo, a humildade.

Craig Keener é F. M. e Ada Thompson profesora de estudos bíblicos no seminario teolóxico de Asbury. É o autor de Christobiography: Memories, History, and the Reliability of the Gospels, que gañou un premio CT Book 2020.

[ This article is also available in English español Português Français, and 한국어. See all of our Galician (Galego) coverage. ]