Cando se lles pediu que describisen o ano 2020, moitos empregaron as palabras incerto, divisor e perturbador. Cando lle fixen esta pregunta á miña amiga, a súa resposta foi moi eficaz: lesivo.

Xa morreron case 200.000 persoas por COVID-19 nos Estados Unidos, case 70 veces máis que as que morreron nos atentados do 11 de setembro e máis que nas guerras de Vietnam, Corea e Iraq combinadas. Mesmo se esquivamos o virus, experimentamos os seus efectos ferintes. En marzo, o Dow Jones rexistrou os seus peores descensos dende a Gran Depresión. En xullo, 48 millóns de persoas solicitaron o paro. Os profesionais da saúde mental están vendo como aumenta o número de persoas que sofren psicolóxica e emocionalmente. Os incendios forestais aínda arrasan coa Costa Oeste. Os vídeos virais de inxustiza racial provocaron protestas pacíficas, manifestacións, disturbios e saqueos nas cidades dos Estados Unidos. A nación americana está intentando lidar con algo do que os afroamericanos xa se decataron hai tempo: o racismo feriu profundamente o seu país. Todo isto levou a unha mentalidade palpable do “nós contra eles”, especialmente cando nos achegamos a unhas eleccións presidenciais polarizadas.

A dor e o sufrimento sempre estiveron presentes; pero este ano intensificáronse, aceleráronse e fixéronse máis divisoras. Como poden os cristiáns guiar e servir na nosa complexa realidade?

En tempos de traxedia, cítase con frecuencia a Fred Rogers, a falecida personalidade televisiva infantil: “Cando era rapaz e vía cousas de medo nas noticias, miña nai dicíame: ‘Busca as persoas que axudan. Sempre atoparás xente que está a axudar’”. Todos temos visto e experimentado cousas que dan medo, e seguiremos vendo e experimentando cousas así. Pero, e se agora o que o mundo está buscando son persoas que sandan? E se axudar consiste, primeiramente, en ser sandadores?

O profeta Isaías escribiu esta declaración sobre o Mesías que chegaría: “Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades. O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el, a súa ferida foi a nosa curación” (53:5). O defunto sacerdote e autor católico Henri Nouwen incidiu nisto no seu clarividente libro The Wounded Healer: “Non sabemos onde estaremos de aquí a dous, dez ou vinte anos. Non obstante, o que podemos saber é que o home sofre e que compartir sufrimento pode facernos avanzar”. Compartir o sufrimento leva á curación, e ese é o noso mandato na nova realidade.

É sorprendente que Xesús levara cicatrices no seu corpo resucitado. Cando Tomé dubidou da resurrección de Xesús, Xesús invitouno a tocar as feridas que trouxeran curación ao mundo. “Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado.” (Xoán 20:27). Hai catrocentos anos, o pintor italiano Caravaggio recreou brillantemente esta escena no seu famoso cadro A incredulidade de Santo Tomé. Na peza, Xesús aparta o manto e guía tranquilamente o dedo de Tomé cara ao seu costado ferido. Este é o noso exemplo. Tamén nós podemos ofrecer as nosas feridas a un mundo ferido e asustado, buscando así a curación dos demais e, en definitiva, de nós mesmos.

O libro do sociólogo Rodney Stark, The Rise of Christianity trata en parte de responder á pregunta de como unha pequena seita, que no momento da morte de Xesús tiña só uns poucos discípulos, podería ter un seguimento mundial de millóns de seguidores nun prazo de poucos séculos. Unha das principais respostas que atopa Stark é que os primeiros cristiáns víanse a si mesmos como axentes de curación aínda no medio da persecución, mentres todos os demais corrían e se escondían. A disposición dos primeiros cristiáns a correr ás primeiras liñas do sufrimento, así como a súa capacidade para ofrecer unha hospitalidade radical e un servizo compasivo no medio dunha gran necesidade, foi a forma máis grande e eficaz de evanxelización.

Article continues below

Escoitamos máis que nunca a frase “sen precedentes” aplicada a esta pandemia, aínda está moi lonxe de ser así. As epidemias e pragas foron bastante frecuentes ao longo da historia e os cristiáns sempre se apresuraron a proporcionar curación aos máis afectados.

No ano 250 d.C., unha praga estendeuse desde o norte de África ata Europa. Durou case 20 anos e matou aproximadamente un millón de persoas. O bispo Cipriano animou aos cristiáns a doar os seus recursos para coidar enfermos. A igrexa organizou programas en varias cidades para a asistencia sanitaria sistemática; todo mentres os cristiáns padecían unha persecución masiva. Os cristiáns mostraron coidado non só cos demais cristiáns, senón tamén cos pagáns, mostrando unha compaixón radical no medio dunha pandemia aos que intentaban matalos pola súa fe. Este suceso histórico coñécese hoxe como a peste de Cipriano; non porque fose o culpable de espallar a peste, senón pola compaixón radical que estendeu durante a mesma.

Ao redor do 312 d.C., Eusebio, o bispo de Cesarea quen era tamén un destacado historiador da igrexa, rexistrou que a rexión fora profundamente afectada pola guerra, a fame e unha peste devastadora ao mesmo tempo. A resposta dos cristiáns foi tan grande que escribiu:

“Nesta terrible adversidade só os cristiáns deron probas prácticas da súa compaixón e humanidade. Durante todo o día, algúns deles atenderon os moribundos e o seu enterro, xente incontable que non tiñan ninguén que os coidase. Outros reuniron multitudes famentas de todas as partes da cidade e repartíronlles pan a todos, de xeito que por todas partes se falaba das súas obras e todos glorificaron ao Deus dos cristiáns (énfase meu)”.

A finais do século IV, creáronse hospitais por primeira vez grazas aos esforzos de Basilio o Grande en Cesarea e Xoán Crisóstomo en Constantinopla. Máis tarde, a igrexa medieval estableceu hospicios.

Como a igrexa primitiva, nós tamén podemos asumir o mandato de ser axentes de curación. Podemos estar feridos por todo o que sucedeu, pero isto non nos descualifica. De feito, Xesús adoita usar persoas que comparten as súas feridas con outros para traer curación no nome de Xesús. Hai varias marcas que caracterizan os sandadores feridos.

Os sandadores feridos levan cicatrices e ofrécenllas a outros como fonte de identidade, solidariedade e vulnerabilidade. A nosa tarefa principal é ofrecer curación, non “arranxar” a outros. Posuímos a nosa dor e despois tocamos con cariño e suavidade a dor doutras persoas. A palabra compaixón na raíz latina orixinal significa “co-sufrimento”. Os sandadores feridos sofren xunto a outros. Mostramos as nosas feridas aos demais e gañamos confianza para que os demais nos mostren as súas feridas. E do mesmo xeito que Pablo escoitou a Xesús dicir: “Chégache coa miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza” (2 Cor. 12:9-10), podemos tomar estas palabras de Xesús como propias neste tempo de feridas.

Article continues below

Os sandadores feridos involúcranse no lamento. Acollemos o lamento e vémolo como un elemento importante do proceso de curación. Os sandadores feridos non animan aos demais a simplemente “avanzar” sen aflición porque saben que recoñecer a dor é unha parte crucial do proceso de curación. O lamento precede á celebración e non se pode precipitar, manipular nin forzar.

Os sandadores feridos están afianzados nunha teoloxía robusta do sufrimento e da esperanza. Nouwen escribiu que “a principal tarefa do ministro é evitar que a xente sufra por todas as razóns equivocadas”. Os sandadores feridos axudan a outros a ver que atopar esperanza no sufrimento céntrase na persoa de Xesús e no corazón da fe cristiá. Aínda que viaxemos polo val da morte, confiamos en que Deus permanece connosco: Emmanuel.

Os sandadores feridos decátanse de que xogan un papel importante no proceso da curación, pero danse conta de que a verdadeira curación está baseada no amor e no poder de Deus. Os sandadores feridos coñecen o poder da presenza na curación. Pero tamén saben que é a presenza de Cristo, o sandador ferido, que é o principal provedor de curación que o mundo necesita. Unímonos a Deus, pero non xogamos a sermos Deus. Susan Harper, directora de estratexia institucional e asociacións da American Bible Society, díxome que vemos nos evanxeos a Xesús e os seus discípulos curando a outros pero non curándose a si mesmos. Na nosa cultura occidental do Eu soberano, podemos convertelo facilmente nunha terapia de autoaxuda. Pero a realidade bíblica non está centrada na autoaxuda nin na procura de curarme a min mesmo. A través das nosas feridas, ofrecémonos a El. Invitamos á xente a que traia as súas feridas a Aquel que realmente pode curar.

Se queremos tomar en serio o feito de que o mundo estea a buscar curación neste momento global, onde debemos mirar?

En primeiro lugar, podemos ver as Escrituras como un libro escrito para persoas oprimidas e traumatizadas. Algunha vez pensaches no sufrimento e trauma que experimentaran os oíntes orixinais da mensaxe de Deus? Cando o ves a través desta lente, comezas a ver que boa nova era (e segue sendo) a curación das persoas. A gran historia de Deus relata o Deus creador de shalom que procura curar á humanidade a través dun Xesús que traía shalom, que foi ferido para que poidamos ser sandados e vivir o shalom (Núm. 21:4-9; Isa. 53:5; Xoán 3:14-15, 5:6). A realidade deste sandador, redentor e reconciliador Xesús está no noso ADN.

Podemos buscar aos sandadores presentes entre nós. Cando identificamos, alentamos, equipamos e nos unimos á xente dedicada á curación física das persoas (médicos, enfermeiros, profesionais sanitarios, traballadores sociais, psicólogos, terapeutas, conselleiros escolares), capacitámolos para que traian curación. Pero non debemos mirar só a aqueles cuxas profesións axudan ás persoas na súa dor e sufrimento a diario. A nai nova de catro fillos divorciada sabe algo sobre a dor, ao igual que a sobrevivente de abusos sexuais na infancia. Tamén o fai a viúva de 17 anos e o veterano do exército que sufriu un grave Trastorno de Estrés Postraumático logo do seu despregamento. Que temos que facer para que a igrexa recoñeza o inmenso potencial destes sandadores feridos e lles dea poder para bendicir e traer curación no nome de Xesús?

Article continues below

Tamén podemos buscar sandadores dentro das nosas comunidades (e incluso fóra dos muros das nosas igrexas). Debemos pensar máis e mirar con máis propósito noutros lugares. Moitas veces xa hai organizacións, grupos e iniciativas xa establecidas nas que se poden fortalecer e afondar as asociacións. Onde podemos crear boas oportunidades para o reino? Pode ser coas mans estendidas, afondando así novas amizades, desenvolvendo asociacións con empresas e institucións financeiras locais. Tamén con centros de benestar comunitarios, provedores de saúde mental e outros. Non temos que reinventar a roda. É probable que moitos da túa comunidade xa estean implicados no mundo. Cando miramos, vemos a aqueles líderes e individuos aos que podemos apoiar, alentar e asociarnos?

A boa nova é que Xesús salva, pero a boa nova tamén é que Xesús cura. O noso mandato é seguir a Xesús, o noso Sandador Ferido, para experimentar a curación e, á súa vez, ser mensaxeiros e portadores de curación a un mundo roto e cicatrizado.

J. R. Briggs é autor, adestrador de liderado e fundador de Kairos Partnerships. O seu último libro, The Sacred Overlap: Learning to Living Faithfully in the Space Between (Zondervan), lanzado a principios deste mes.

Tradución: Ronsel Fernández (xunto con TodaLingua)

[ This article is also available in English. See all of our Galician (Galego) coverage. ]