Ás veces os momentos cotiáns da vida quedan contigo. Lembro (Jennifer) ter feito recados coa miña nai cando tiña sete anos. Unha vez paramos no banco e, como se adoitaba facer daquela, a miña nai presentouse como “Sra.” e, despois, o nome e apelidos de meu pai. A combinación de “Sra.” e o nome de meu pai fíxoseme estraña, e eu botei a rir en voz alta moi sorprendida. “Mamá, ese é o nome de papá”, díxenlle desconcertada. “Ti tes o teu propio nome!” Aínda recordo a cara de sorpresa que puxeron ela e mailo caixeiro do banco. Aquela conversa resultou ser un arquetipo do cambio de perspectiva entre as diferentes xeracións da América do século XX.

Moito antes de que a cultura estadounidense comezase a pensar no xeito de dar lugar aos nomes das mulleres, as Escrituras xa se adiantaran. De feito, as Escrituras desafiaban constantemente as prácticas culturais do seu tempo rexistrando nomes de mulleres correntes nas súas páxinas. Gravar os nomes de mulleres comúns na gran historia da creación e redención de Deus é un dos exemplos menos apreciados e máis notables da coherencia textual da Biblia.

Por suposto, algunhas historias de mulleres son máis apreciables nas Escrituras que outras. Se non somos expertos no Novo Testamento, calquera mención a “Phoebe” (Febe, Rom. 16:1-2) no noso contexto cultural identifícase máis coa encantadora e loura música da serie da NBC Friends que coa muller referida en Romanos. Unha fe que busca comprender sondará sempre máis o texto. Quen era Febe, e que relación tiña con esta carta tan influente?

O Evanxeo Máis Puro

Toda a Escritura está inspirada por Deus, mais non todos os libros da Biblia tiveron a mesma acollida e influencia na historia da igrexa que tivo Romanos. É difícil medir o impacto sísmico da carta na teoloxía da igrexa e na formación dos seus líderes. Ler Romanos nunca foi para os de corazón débil.

Na historia do cristianismo, Romanos ten todo un historial transformando algúns dos maiores líderes da igrexa. Cando Agostiño escoitou as palabras “toma e le”, naquel momento que lle cambiou a vida, abriu a Biblia en Romanos 13:13. A Escolástica medieval foi modelada por Romanos a través dos Catro Libros de Sentencias de Pedro Lombardo, o manual teolóxico do período medieval ata que Tomé de Aquino aportou o seu.

Article continues below

Boletín gratuíto

More Newsletters

O crecente interese polas Epístolas Paulinas durante a Reforma fixo que se publicasen máis de 70 novos comentarios só sobre Romanos, co beneficio da imprenta. A experiencia transformadora do propio Martiño Lutero incluíu a súa lectura de Romanos 1:17 sobre o tema da xustiza. El destacou a importancia da epístola no seu prefacio:

Esta carta é realmente a peza máis importante do Novo Testamento. É o evanxeo máis puro. Paga a pena que un cristián invista tempo non só para memorizala palabra por palabra senón tamén para reparar nela a diario, coma se fose o pan cotián da alma. É imposible ler esta carta ou meditar nela demasiado tempo ou demasiado ben. Canto máis se lida con ela, máis preciosa e saborosa se volve. ... É en si mesma unha luz brillante, case tan brillante como para iluminar a Escritura toda.

Séculos despois, escoitar o prefacio de Lutero a Romanos en Aldersgate Street o 24 de maio de 1738, fixo que o corazón de John Wesley fose estrañamente conmovido e transformou a súa fe. Máis adiante, a transición do teólogo suízo Karl Barth do protestantismo liberal ao “estraño e novo mundo da Biblia” foi sintetizado na publicación do seu Comentario á Carta aos Romanos, notoriamente descrito como “unha bomba no parque infantil dos teólogos”.

Cando pensamos en Romanos, asociamos o libro con titáns da historia da igrexa dende Agostiño ata Barth. Con todo, a primeira persoa que interpretou e explicou Romanos foi a que levou a carta, e o seu nome era Febe.

De Corinto a Roma

A muller á que Paulo encomendou esa tarefa tan importante só se menciona en dous versículos do Novo Testamento. Mais con esa única referencia, Paulo deixa un tesouro para introducirse na primeira comunidade cristiá.

Cando se vai achegando ao final da súa densa carta teolóxica, vai collendo un ton incriblemente persoal. Menciona vinte e nove persoas, saudando vinte e oito delas e recomendando unha: Febe. Recomendar alguén é avalalo, estar con el, dar fe de que é de confianza. Paulo deposita o seu peso apostólico sobre Febe.

Article continues below

Polo que di, parece que ela demostrou ser digna diso. Ela cre en Cristo (chámaa “nosa irmá”), membro da comunidade “no Señor” e digna de ser recibida como unha santa. Paulo dálle especificidade á súa fe describíndoa con dous títulos: diakonos e prostatis.

Que é o que significan estes termos? Cal é o rol de Febe?

O primeiro termo, diakonos, do que obtemos a nosa palabra ‘diácono’, é a forma masculina da palabra serva e, sen dúbida, indica que ela tiña como práctica habitual axudar aos demais, como Xesús recomenda (Marcos 9:35; 10:43) e demostra (Rom. 15:8). Tamén podería indicar que ocupou o cargo de diaconisa na súa igrexa en Céncreas, unha cidade portuaria a poucos quilómetros ao leste de Corinto. É o mesmo termo que Paulo usou en 1 Timoteo cando describe as cualificacións para este importante papel (3:8-13). A expresión “diaconisa” é algo totalmente natural no Novo Testamento. Na literatura bíblica non existe unha forma feminizada do trato ou oficio dun personaxe, senón que se usa a mesma para mulleres e homes. O concepto posterior de “diaconisa” como función subordinada á dun “diácono” masculino, non ten base na Escritura. Todos os servos ou diáconos, sexan homes ou mulleres, seguen igualmente os pasos de Xesús, que veu servir a todos.

O segundo termo, prostatis, aparece só aquí no Novo Testamento, pero coñecíase ben no mundo grecorromano. Tal como se usa na versión grega do Antigo Testamento, pode referirse a un líder. Con todo, Paulo di que, para el, ela era unha prostatis, e el normalmente é inflexible sobre o seu co-liderado con outros ao servizo de Deus. O uso deste termo podería ser tan básico como afirmar que Febe axudara a outros, pero a maioría coincide en que Paulo está a usalo tal como o adoitaban facer os textos seculares do seu tempo: Ela era unha benfeitora, que usaba a súa riqueza e influencia social para defender aos outros.

Todo isto leva a outra pregunta: cal foi o papel específico de Febe en Roma?

Os intérpretes coinciden en que, situándoa no primeiro lugar da súa lista, Paulo introduce a Febe como a portadora da carta. Aínda que no noso contexto agradecemos o traballo dos empregados do servizo postal, non precisamos coñecer os seus antecedentes para confiar en que poidamos aceptar o seu correo. Que Paulo invista varias frases en describir a Febe e use afirmacións enfáticas para que os cristiáns de Roma a traten ben, indica que é algo máis que unha transportista de correo que deixa o pergamiño. Ela xogará algún papel na forma en que experimentarán a carta, polo que Paulo quere que confíen nela.

Article continues below

Unha liña de pensamento popularizada por N. T. Wright é que Febe, como portadora de cartas, tamén tería lido a carta. El afirma: “O portador da carta normalmente sería quen o lera aos destinatarios e explicase o seu contido”.

Estudosos como Peter Head teñen cuestionado a primeira parte da conclusión de Wright. Na súa análise de cartas antigas, Head suxire que hai poucas probas de que o transportista fose o lector da carta. Pola contra, a carta leríana en voz alta os membros do grupo que a recibiu.

Devolve iso a Febe á marxe, como unha axudante silandeira?

Nin moito menos. Head recoñece que, aínda que non lera a carta, “tería un papel na explicación do contido de Romanos”. Ela estaría presente, como representante de Paulo, para responder preguntas ao respecto. Ao longo dos anos, a xente ten feito algunhas preguntas sobre Romanos, por dicilo suavemente, e Febe sería a primeira persoa en responder a elas.

A incerteza sobre as palabras empregadas para describir a Febe non debería eclipsar o consenso sobre o seu papel. Discutir polo rol que Febe puido ter, desvíanos da realidade máis significativa destes versos: Paulo fiou nela para explicar Romanos. Que é o que perdemos cando non recoñecemos a importancia do papel de Febe?

De Roma á Reforma

Aínda que Paulo emparellou o nome de Febe coa forma masculina de “servo” (diakonos), a tradición da igrexa feminizou axiña o termo a “diaconisa”. É importante destacar que tanto Xoán Crisóstomo coma Oríxenes interpretaron a mención de Febe en Romanos como unha evidencia de que as mulleres eran ordenadas para o cargo de diaconado nas igrexas.

O diaconado feminino persistiu como cargo da igrexa en distintas medidas ata o século VI. Radegund (circa 520-587), que contribuíu á expansión do cristianismo no século VI entre os francos, foi unha das últimas diaconisas notables ordenadas por un bispo. No período medieval, o cargo de diaconado perdeu distinción ao ser subsumido no proceso de ordenación ao sacerdocio Católico Romano (masculino).

Article continues below

No tempo da Reforma, Febe volveu ter protagonismo, en parte porque o libro de Romanos gañou entre os comentaristas bíblicos unha atención desproporcionada. Ademais, a tradición eclesiástica de predicar explicando a Escritura verso a verso (chamada lectio continua) levaba necesariamente a que saíse o tema. Finalmente, a Xenebra de Xoán Calvino liderou o camiño de restaurar o diaconado feminino na tradición protestante.

O cuádruplo oficio da igrexa (pastor, ancián, diácono, doutor) era a columna vertebral da eclesioloxía de Calvino, e as mulleres non foron excluídas destas filas no contexto do diaconado, segundo a Institución de Calvino. Como “ministros eclesiásticos laicos”, os diáconos eran distintos dos anciáns (presbíteros). Ademais, Calvino tomou de Romanos 12:8 a idea de dividir o diaconado en dous papeis distintos: o da esmola aos pobres e o do coidado dos pobres e enfermos. Calvino atribuíu o segundo papel ó labor das viúvas, segundo a súa lectura de 1 Tim. 5:9-10, pasaxe utilizada pola tradición Católico-Romana como base para os votos monásticos. Establecer un diaconado aberto ás mulleres cadroulle ben á cidade de Xenebra ao ir procurando atender a milleiros de refuxiados relixiosos que ían á cidade dende toda Europa, especialmente dende Francia.

A reforma de Calvino implicou aclarar as responsabilidades dos distintos líderes e distinguilas dos gobernantes políticos, de xeito que o diaconado era un oficio eclesiástico e Calvino cría que debía incluír mulleres. Aínda que non só en Xenebra había diaconisas femininas, como sinalou o traballo de Elsie McKee, “o diaconado reformado calvinista foi a única orde das igrexas protestantes ou anabaptistas que incluía a ensinanza (malia que a miúdo non se practicaba) de que as mulleres tiñan un lugar (subordinado) entre os oficios regulares do ministerio”. A Xenebra de Calvino é, polo tanto, un modelo e un caso excepcional do que significa tomar en serio a Febe.

Article continues below

A importancia de Febe destacouse aínda máis nas Biblias reformadas francesas. Ao final de cada epístola do Novo Testamento imprimíase unha sección chamada “colofón” que daba información sobre a autoría e a xeografía da carta. Dende o século XVI ata o século XVIII, a relación especial de Febe cos romanos describiuse nestes colofóns como portadora da carta, serva ou diaconisa da igrexa. É a única muller que se recorda deste xeito na tradición dos colofóns reformados do Novo Testamento.

Continuando a transmitilo

Aínda que no mundo académico continúa habendo hoxe certa disputa sobre a importancia de Febe, o amplo consenso sobre o papel de Febe como portadora da carta indica claramente algo que non podemos ignorar. Por unha banda, cómpre descartar a conclusión de que Paulo prohibiu a todas as mulleres a discusión exexética e teolóxica, e mesmo a instrución. Isto poderá aplicarse de diferentes xeitos en igrexas e institucións de distintas visións, pero a calquera crente que intente comprender as Escrituras no seu marco histórico, a historia de Febe non lle permitirá crer que ser muller descualifica a alguén do ámbito da teoloxía. Se Paulo non menosprezou a capacidade das mulleres para conversar sobre o documento teolóxico máis complexo, nós tampouco deberiamos facelo.

A inclusión do nome e o papel de Febe como portadora do evanxeo recorda á igrexa de hoxe o xeito no que as Escrituras resaltan ás mulleres como colaboradoras íntegras e fieis ao plan de redención de Deus a través do seu Fillo, Xesús Cristo. Cando Paulo presenta a Febe á igrexa de Roma animando aos seus membros a acollela con honra, tamén nola presentou a nós. Tamén a nós se nos pide que recibamos o que trae. Como escribe Calvino, “sería impropio que os servos de Cristo non lle expresasen honra e bondade. E así como deberiamos acoller con amor a todos os membros de Cristo, seguramente deberiamos apreciar, amar dun xeito especial e honrar a quen desempeña un cargo público na Igrexa”.

Article continues below

Ademais, ao confiar a Febe a comunicación desta carta, Paulo estableceu un precedente que seguimos hoxe, tanto se o recoñecemos como se non, cada vez que escoitamos a lectura e explicación das Escrituras. Escoitamos a palabra de Deus proclamada a través das voces dos demais, tal como Febe falou e explicou as palabras de Paulo á igrexa de Roma. Calquera que colla Romanos e a comparta con outros, está a seguir os pasos da súa primeira intérprete, Febe.

Que está a transmitir Paulo en Romanos? Nesta carta pretende responder aos asuntos da igrexa local e expoñer a súa mensaxe propia. Tanto para o desafío de mesturar xudeus e xentís como para o da proclamación fiel do evanxeo, insiste no mesmo principio: Deus é digno de confianza.

Romanos é ben coñecido pola súa gran verdade espiritual: podemos confiar en Deus para lidar co problema do pecado, coa ameaza da morte e coa salvación definitiva de todos. Como isto é certo, Paulo argumenta tamén que podemos confiar en Deus para as mundanas realidades da división e da ansiedade. A mensaxe de Romanos é que podemos confiar en Deus para manexalas.

Esa mensaxe repercute na mensaxeira. Deus é de confianza, polo que Paulo pode confiar nunha persoa quizais sorprendente para entregar a súa mensaxe máis influente. Non argumenta por ela, nin defende a súa habilidade ou sabedoría. A presentación que fai dela é potente pero concisa. Non precisa súplicas especiais. Paulo confía nela porque confía en Deus, e iso é suficiente. Cando nós, sen importar quen sexamos, confiamos no noso Deus digno de confianza, tamén o podemos transmitir, como Febe.

A verdade é que calquera que poña a súa fe en Cristo é responsable de compartir a Boa Nova. Facendo iso, como sacerdocio de todos os crentes, vivimos o que é estar conectados a través do tempo no corpo de Cristo polo poder do Deus vivo. As nosas fillas e os nosos fillos deberían estar completamente equipados para coñecer a esperanza que levan dentro, porque Deus haos enviar ao mundo como portadores do evanxeo, onde serán chamados a responder preguntas incisivas sobre os nosos textos sagrados.

Cando proclamamos a Boa Nova, non só estamos a vivir seguindo o legado de escritores como Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. Tamén estamos a vivir seguindo o exemplo de María a Magdalena anunciándolla aos apóstolos, o de Priscila compartíndoa con Apolo e o de Febe expoñéndolla á igrexa de Roma.

Article continues below

Tamén actuamos como portadores de cartas dentro dunha cadea apostólica que se remonta ata o agasallo da revelación de Deus, que é a base do noso testemuño da esperanza que temos na morte e resurrección de Xesús Cristo.

Jennifer Powell McNutt ten a cátedra de Franklin S. Dyrness en Estudos Bíblicos e Teolóxicos do Wheaton College, é parroquial na Primeira Igrexa Presbiteriana de Glen Ellyn, Illinois, e cofundadora de McNuttshell Ministries Inc. Amy Beverage Peeler é profesora de Novo Testamento en Wheaton College e pastora da Igrexa de San Marcos en Xenebra, Illinois.

Tradución: Rubén Acuña Fernández

[ This article is also available in English español 简体中文 繁體中文, and català. See all of our Galician (Galego) coverage. ]