Salta á lectura diaria: Domingo | Luns | Martes | Mércores | Xoves | Venres | Sábado

Domingo: O Que Deus Ve

A Lectura de Hoxe: Exodus 1:1–3:10

O Éxodo de Israel dende Exipto ten avivado a imaxinación de infinidade de xeracións. No fondo, é unha historia de esperanza. Os israelitas non o podían ver ao principio. Eran unha minoría desprezada escravizada por un faraón ambicioso e cobizoso que continuamente buscaba sacar beneficios a baixo coste. A pesar de que dependía do seu traballo, o faraón viu aos israelitas, especialmente aos homes, como unha ameaza potencial. Non só os oprimiu ao máximo, senón que procurou matar aos seus fillos.

O escritor do Éxodo comeza centrándose nas mulleres da historia: unhas matronas, unha nai, a súa filla, unha criada e a filla do faraón. Cada un actúa dentro da súa esfera de influencia para resistir as crueis políticas de Faraón. Traballando xuntas, salvan ao pequeno Moisés. Actúan con esperanza, non permitindo que o réxime as obrigue a someterse. O autor describe as súas valorosas accións coas mesmas palabras que despois usará para describir como Deus salvou a nación israelita.

Considera estes exemplos: a nai de Moisés atopábao moi fermoso, lembrándonos que Deus valora a todos os humanos feitos á súa imaxe. Colocouno nunha arca nos xuncos. A arca (ou "cesta") recórdanos como Deus rescatou á familia de Noé de morrer afogados. O rescate de Moisés anticipa a futura fuga de Israel polo Mar dos Xuncos (ou Mar Rubio). A filla do faraón viu a cesta, viu chorar ao bebé e compadeceuse del. De súpeto, hai esperanza para este meniño condenado. Aprendemos entón que Deus vía o sufrimento do seu pobo, escoitaba os seus laios e preocupábase por eles. A preocupación de Deus levouno á acción cando encargou a Moisés que sacase o pobo de Exipto.

A esperanza cristiá está enraizada na certeza que temos un Deus que ve. A El nada se lle escapa. O corazón do Advento é saber que Deus ve un mundo a estragarse e que fará algo para arranxalo. Ás veces, pode parecer distante durante o noso sufrimento, pero segue actuando constantemente para manter o pacto que fixo con Abraham (Xén. 17). Esta mesma alianza é a razón pola que Deus enviou a Xesús ao mundo.

Boletín gratuíto

More Newsletters

A historia do éxodo convídanos a participar na atrevida obra de redención de Deus. As mulleres da historia non escoitaron os toques de trompeta dende o ceo que as chamaba a actuar. Simplemente viviron pensando que Deus as podía ver, e actuaron en consecuencia. Sabían o que era correcto facer, e fixérono.

—Carmen Joy Imes

Luns: Paz na Treboada

A Lectura de Hoxe: Salmo 46 e 112

O salmo 46 declara con confianza: "non tememos, aínda que a terra tremae os montes abalen cara ó mar" (v. 2). O noso mundo, como o do salmista, está en colapso: unha pandemia, unha recesión, a inxustiza racial, os incendios forestais, os furacáns, as inundacións e unha tensa tempada electoral. A nosa terra cede e as montañas caen ao mar.

O que me chama a atención deste salmo é a súa chamada á quietude: "Desistide e recoñecede que eu son Deus" (v. 10 (11). Esta quietude non é o subproduto de problemas resoltos. O salmista permanece rodeado polo alboroto das nacións e os desastres naturais. Mesmo alí, no tumulto, Deus manda quietude. Recórdame a Xesús durmindo no barco durante unha treboada (Marcos 8: 23-27). A súa confianza era tan grande que podía descansar entre as ondas rompentes. Tal paz sobrenatural está dispoñible para calquera de nós que sabe quen é Deus.

No verso 10, Deus explica por que podemos estar quietos: "Serei exaltado entre as nacións, serei exaltado na terra". Deus sabe como se desenvolve esta historia. Gaña ao final. Ese coñecemento seguro configura o noso xeito de responder aos desafíos da vida. Este Deus, o que sairá á cabeza, está connosco (vv. 7, 11). El é a nosa fortaleza na tempestade.

A nosa esperanza xorde do mesmo centro dos problemas, sen problemas e sen medo, non porque teñamos confianza en nós mesmos, senón porque quen sabe todo e ve todo está connosco.

Esta é a esperanza do Advento. Xesús fíxose carne entrando no escenario desordenado que é a historia humana. Naceu chorando nun mundo malferido, onde Roma esixía impostos inxustos e mantíña unha man de ferro sobre a liturxia de Israel. E cando Xesús regrese para a nosa redención final, volverá a entrar nun mundo aínda cheo de problemas.

Article continues below

Como di o Salmo 112: “Nas tebras brilla unha luz para os rectos...non terán medo ás malas novas; o seu corazón está firme e confía no Señor”(vv. 4, 7). Os corazóns firmes saben como remata a historia, para poder soportar as tormentas con confianza. Esta é a nosa esperanza.

—Carmen Joy Imes

Martes: Unha Transformación Abraiante

A Lectura de Hoxe: Isaías 2:1–5

Isaías 2 retransmite unha visión da casa do Señor no seu monte, que é realmente onde estaba o templo. Pero na visión, o monte converteuse na montaña máis alta do mundo e, polo tanto, converteuse nunha atracción turística mundial a onde "todas as nacións" se dirixen. A razón pola que a xente vén é que quere aprender do Señor. A partir de aí sairá a ensinanza do Señor, e dende aí tomará as decisións entre os pobos que porán fin aos seus conflitos.

É unha imaxe tola, e iso por máis dunha razón. A máis práctica é que Sión, o monte na que se asentaba a casa do Señor, era só un pequeno promontorio insignificante no medio de alturas máis impresionantes (incluso o Monte dos Olivos é máis alto). Pero supoño que a visión non fala dun cambio literal na xeografía física.

Máis ao punto é o feito de que Isaías acaba de describir Xerusalén como unha cidade que é como unha prostituta: un lugar onde non hai fidelidade, veracidade, administración axeitada nin coidado dos vulnerables (1: 21-23). Pero seguiu esa avaliación cunha promesa acerca da limpeza da cidade, e que chegaría a chamarse de novo "Cidade Fiel", "Cidade da Xustiza" unha vez máis (v. 26). E alí é cando Isaías engade esta visión dunha sorprendente segunda transformación (2: 1-5). Dada a primeira transformación, e máis doado crer que si se podería cumprir esta visión de todo o mundo atraído por Xerusalén.

Article continues below

A semana pasada estiven nunha reunión de oración na que un dos meus compañeiros comentou que vivimos no contexto dunha crise cuádruple: unha crise de asistencia sanitaria, unha crise racial, unha crise gobernamental e mais unha crise económica. Non é un contexto no que a xente acuda aos que pertencemos a Xesús coma se soubésemos abordar estas crises; non parecen buscar ao pobo de Deus no mesmo xeito que presenta a visión de Isaías, con todo o mundo cara Xerusalén. Pero esa é, aínda, a promesa de Deus.

Cando chegou Xesús, veu como o "Si" de Deus a todas as súas promesas (2 Cor. 1:20). Non as cumpriu todas nese mesmo intre, pero si garantiu que chegarán a cumprirse. Que respondamos a esta visión e mais a esta promesa do mesmo xeito que Isaías instou ao seu propio pobo: "Veña. . . Camiñemos á luz do Señor ".

—John Goldingay

Mércores: Construíndo unha estrada

A Lectura de Hoxe: Isaías 40:1–11

Durante as últimas dúas ou tres décadas, a Autoridade Nacional de Estradas de Israel construíu unha impresionante rede de autoestradas a través do país. Na actualidade existe un proxecto consistente nunha autovía urbana con túneles e pontes que levará á xente directamente ao centro de Xerusalén dende o punto onde a estrada de Tel Aviv chega ao bordo da cidade. O problema é que a construción implica perturbar algunhas tumbas romanas de hai 1.900 anos, o que provocou protestas. Pero a xente quere chegar a Xerusalén, rápido, e sente a necesidade dunha estrada que supere os obstáculos, un pouco como a que Deus manda facer en Isaías 40. "No deserto limpa o camiño de Iavé, fai directo na estepa unha calzada para o noso Deus ”(v. 3).

Article continues below

No verán do 587 a.C., Deus abandonou a Xerusalén. Estaba anoxado coa infidelidade da súa xente. A súa gloria marchou, como di Ezequiel 10. E cando Deus saíu, Nabucodonosor estivo libre de entrar. Nabucodonosor intentou devastar a cidade tan a fondo que a fixo inhabitable e tivo que situar a súa sede provincial noutro lugar, en Mispa.

Non pasou nada durante medio século. Daquela, en Isaías 40, Deus dixolle a un dos seus axudantes que encargase a contratistas sobrenaturais que deseñaran unha autoestrada con pasos elevados e pasos inferiores para que el volvese á cidade, traendo consigo á súa xente dispersa. E Deus volveu. Algúns dos exiliados tamén viñeron e fixeron o posible por facer a cidade habitable de novo. O Libro de Esdras relata como reconstruíron o templo e Deus volveu vivir e reunirse con eles alí unha vez máis.

En xeral, as cousas foron mellores entre Deus e o seu pobo durante os seguintes 500 anos, aínda que durante a maior parte dese tempo permaneceron baixo a autoridade dunha serie de poderes imperiais. Aínda ansiaban a súa independencia.

No 30 d.C. chegou Xoán o Bautista, o mencionado en Isaías 40, e proclamou que a xente necesitaba dirixirse a Deus e ser lavada. E de novo, Deus dicía: "Construídeme unha estrada, vou volver e resolver o teu destino" (ver Mateo 3: 3). Esta vez a estrada foi moral e relixiosa, e a Xoán encargóuselle construíla.

En efecto, cada Advento Deus volve dicirnos, como di en Isaías 40: "Construídeme unha estrada". Queres ver a Xesús? Está chegando.

—John Goldingay

Xoves: Unha Oración Audaz e Perigosa

A lectura de hoxe: Isaías 64:1–9

Oxalá abrises o ceo e baixases para que á túa presenza tremeran as montañas. Esta é a oración de Isaías 64. A orde dos capítulos de Isaías suxire que esta oración pertence a un tempo despois de que os persas terminaran co control babilónico de Oriente Medio. O problema é que Xudá descubriu que esta transición de poder non supón unha mellora. Os profetas dixéronlle a Xudá que Deus botaría abaixo a todos os grandes poderes, pero ese tempo nunca parecía chegar. Ao coller Persia o relevo de Babilonia resáltase este punto. Todo cambia, pero todo segue igual. Daquela, rompe o ceo e vén ordenar as cousas, Señor!

Article continues below

Pero no seguinte capítulo, Isaías 65, Deus estala: 'vós sodes uns xarelos!' Parece que Deus está respondendo con carraxe á insolencia da xente de Xudá no capítulo precedente.

Cando chegou Xesús, Deus esnaquizou o ceo e chegou a resolver as cousas. Os evanxeos non usan esa linguaxe en relación coa Encarnación, aínda que usan unha linguaxe similar ao falar da chegada do Espírito Santo no bautismo de Xesús (Marcos 1:10), coa transfiguración de Xesús (Marcos 9: 7 ), e coa súa oración cando está a piques de ser executado (Xoán 12: 28-29)

Logo, unhas décadas despois, algunhas persoas que cren en Xesús están a facer unha pregunta semellante á dos de Xudá: por que todo segue igual? (2 Pedro 3: 4). En efecto, eles tamén están pregando, Oxalá abrises o ceo e baixases! Pedro tamén lles responde dun xeito confrontado. Lembra aos seus destinatarios que o mundo foi sacudido antes pola auga, e será de novo, pero polo lume (vv. 5-7).

Tanto os Xudeos como os primeiros cristiáns eran soamente persoas pequenas baixo o control dun gran imperio. A maioría de nós non o somos. En moitos sentidos, somos o imperio. Cando pregamos, como Isaías 64: "Oxalá abras o ceo e baixes, veñas a ordenar os poderes imperiais, veñas xestionar a inxustiza", a resposta de Deus pode ser aterradora. Atoparemos a Deus facendo algunha solución nas nosas propias vidas. Cando pregamos Baixa, Señor!, invitamos a Deus a condrontar nos e condenar nos.

—John Goldingay

Article continues below

Venres: Luz e Vida

Lectura de hoxe: Isaías 9: 2 (1)1; Xoán 1: 4-5, 9

Algúns de nós medramos nas cidades, polo que non sabemos realmente o que é a escuridade. Nas cidades, sempre hai luz acendida nalgures e pódese ver por dita luz. Pero outros de nós medramos no campo, moito máis alá das luces da cidade, onde a escuridade é escuridade. Onde pode facerse tan escuro que nin sequera podes ver a túa man diante da túa cara.

Esta é a imaxe de Isaías 9: 2: a escuridade do pecado é tan profunda e completa que incapacita e inmobiliza. Non se pode camiñar nela con certeza. Non sabes a onde vas. Estás perdido. A escuridade aquí simboliza a cegueira e a morte que veñen do pecado.

Pero Deus resolve este problema de pecado e morte co Nadal. A xente que camiñaba na escuridade "viu unha gran luz". Non acenderon a luz; máis ben, sobre eles brillou a luz. Deus irrompe na escuridade do pecado cunha nova esperanza, unha nova visión e cunha nova vida de xustiza.

Non debera sorprendernos que case todos os Evanxeos volvan a esta profecía de Isaías ao describir como chegou Xesús ao mundo. Por exemplo, cando Xoán nos fala do nacemento de Xesús -a Encarnación- alcanza este símbolo de luz. “Nela estaba a vida, e a vida era a luz dos homes; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado...A verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este mundo”(Xoán 1: 4-5, 9).

Xesús é esa verdadeira luz. Esta época fálanos de Deus enviando esta luz ao mundo para dar salvación a todos os que cren nel. O Nadal non se trata das luces da árbore nin das luces que decoran a casa. Como moito, estes son simples e débiles símbolos para unha luz moito máis poderosa que dá vida ao mundo.

Isaías viuno 700 anos antes do nacemento de Xesús. Hai dous mil anos, os apóstolos viron esa luz cos seus propios ollos no propio Señor Xesús Cristo. E hoxe deunos esa luz na mensaxe do evanxeo. Todo o que está nas tebras debe arrepentirse do pecado e crer nesta luz para entrar no reino de Deus. Así nos cambia o Señor. Esta é a mensaxe da luz que trae vida.

—Thabiti Anyabwile

Este artigo está adaptado dun sermón predicado por Thabiti Anyabwile o 17 de decembro de 2017. Usado con permiso.

Article continues below

Sábado: Déusenos Un Fillo

Lectura de hoxe: Isaías 7:14; 9:6–7 (6)

Isaías 9:5-6 é unha gloriosa e profética biografía de Xesús. O fillo descrito por Isaías é o "Conselleiro Marabilloso". A palabra marabillosa é a mesma palabra que se usa a miúdo no Antigo Testamento para describir os milagres: as "marabillas" que Deus fixo no mundo. E o conselleiro recorda a sabedoría de Deus. Este é Xesús, o noso conselleiro marabilloso e milagroso que nos fala e nos guía para que poidamos camiñar polos sendeiros da xustiza.

Este fillo é o "Heroe divino". Segundo Isaías 7:14, este é o neno único que nacería dunha virxe, e que se chamaría "Emanuel", que significa "Deus connosco". Poderoso e forte, non hai ningunha debilidade en Deus. Aínda sendo un neno nun presebe, Xesús estaba sostendo o universo pola palabra do seu poder.

Este fillo é o "Pai eterno". Isto non significa que sexa o mesmo que Deus o Pai; o Pai e o Fillo son diferentes persoas da Trindade. Máis ben, isto podería entenderse no senso de que é o pai de tódolos tempos, fóra do tempo; e na súa actitude cara ao seu pobo, sempre é paterno. O salmo 103:13 reflícteo así: " "canto un pai ama ós seus fillos, así ama o Señor ós que o temen" ". Unha e outra vez, os evanxeos contan que Xesús viu xente e tivo compaixón. É un salvador coa tenrura dun pai cara aos seus fillos.

E este fillo é o "Soberano da Paz". Matthew Henry escribe sobre Xesús: “Como príncipe da paz, reconcílianos con Deus. É o Dador de paz no corazón e na conciencia; e cando o seu reino estea completamente establecido, os homes non aprenderán máis a guerra".

Xesús é unha marabilla. O seu consello nunca falla. É o Deus todopoderoso. Ten o corazón dun pai. Trae unha paz real a todos os que cren nel. É moito máis que calquera outro bebé. El é Deus vindo ao mundo. E non perdas a frase máis importante: Foinos dado a nós.

Article continues below

É noso, se o aceptamos. Con toda a súa sabedoría, todo o seu poder e todo o seu amor paterno, este mesmo Xesús entra nos corazóns dos que confían nel. Este é o Fillo que o mundo agardaba. E veu ao mundo para entregarse a nós.

—Thabiti Anyabwile

Este artigo está adaptado dun sermón predicado por Thabiti Anyabwile o 17 de decembro de 2017. Usado con permiso.

Colaboradores:

Image: Photos courtesy of contributors.

Thabiti Anyabwile é un pastor na igrexa Anacostia River Church en Washington DC. É autor de varios libros, incluíndo Exalting Jesus in Luke.

John Goldingay é profesor superior do Antigo Testamento no Fuller Theological Seminary. A súa tradución de todo o Antigo Testamento é O Primeiro Testamento.

Carmen Joy Imes é profesora do Antigo Testamento no Prairie College e autora de Bearing God Name: Why Sinai Still Matters

Tradución: Rubén Acuña Fernández, Timoteo Stück, RFS

[ This article is also available in English español Português Français 简体中文 한국어 Indonesian, and 繁體中文. See all of our Galician (Galego) coverage. ]